top of page
WhatsApp Image 2025-08-23 at 23.55.37 (1).jpeg

¿Por qué colaborar con nós?

Somos a Asociación Os Patexeiros, unha pequena entidade sen ánimo de lucro de Sada, un pobo mariñeiro das Rías Altas de Galicia onde o mar foi sempre sustento, identidade e forma de vida. A nosa historia comezou intentando salvar a Balbina, o último barco patexeiro de Galicia. Cando soubemos que ía desaparecer, entendemos que non podiamos permitilo. Pero, malia os nosos esforzos, a falta de medios, dun pantalán propio e de apoio suficiente fixo que finalmente se perdese durante un temporal. Con ela non se foi só un barco, senón unha parte irrepetible da nosa memoria colectiva.

Esa perda marcou un antes e un despois. Non queremos que volva suceder. Por iso impulsamos a creación dun ecomuseo a flote: un espazo vivo onde as embarcacións tradicionais non só se conserven, senón que naveguen, se comprendan e volvan formar parte da vida das persoas. Este proxecto complétase cun espazo en terra dedicado á cultura marítima, onde aprender oficios como a carpintería de ribeira, a velería ou as artes de pesca tradicionais, mantendo vivo un coñecemento que está a piques de desaparecer.

Hoxe, por fin, demos un paso decisivo: a administración concedeunos oficialmente un espazo de 300 m² en terra e unha lámina de auga de 700 m² fronte ao paseo marítimo. É unha oportunidade única, pero tamén un reto urxente: debemos executar o proxecto en aproximadamente un ano. Aínda que solicitamos numerosas subvencións públicas, necesitamos un impulso inicial que nos permita comezar a construír, restaurar e facer realidade este soño.

Por iso necesitamos a túa axuda. A túa achega permitirá poñer en marcha o museo a flote, recuperar embarcacións, crear o espazo cultural e asegurar que este legado non desapareza. Colaborar con nós é formar parte de algo maior: manter viva a historia, a identidade e a alma mariñeira de Galicia.

bottom of page